La Voz de Galicia e a mina de Corcoesto. Crónica dunha relación insensata

Delegación de La Voz de Galicia en Carballo, epicentro da información favorable a Edgewater
Delegación de La Voz de Galicia en Carballo, epicentro informativo de Edgewater en Bergantiños

Tras a recente cancelación do proxecto mineiro de Corcoesto por parte da Consellería de Economía e Industria, un dos grandes misterios pendentes de resolver no conflito mineiro de maior calado da historia recente de Galicia é cal é a razón que une xa dende hai máis de dez anos ao maior grupo empresarial de comunicación do noroeste peninsular co desexo da permanente reapertura do esgotado filón cabanés.

Dende logo, sería interesante cuantificar o dano que tan insensata relación ven de causar na imaxe no que en tempos pasados fora o xornal de referencia en Galicia, pois utilizando como epicentro a delegación de La Voz en Carballo, a edición bergantiñán do diario foi dende o inicio do conflito o mellor dos gabinetes de prensa posibles para Mineira de Corcoesto.

Tanto é así que os nomes de xornalistas de prensa local como Cristina Viu ou Toni Longueira, e principalmente o do propio delegado carballés Xosé Ameixeiras, persoa que á sazón semella ser o responsable último da desfeita, verán os seus nomes asociados sen remedio e para sempre ao sesgo informativo desenvolvido reiteradamente a prol de Edgewater e a súa filial en Cabana de Bergantiños ao igual que todas as personas, partidos políticos, e colectivos sociais de distinto signo que aproveitaron o tirón deixándose manipular sen maiores problemas en aras da venda do seu argumentario en calquera dos posicionamentos imaxinables sobre o cuestionado proxecto mineiro.

Podería haber unha explicación tan dura como lóxica en tempos de crise, como é a de conservar o posto de traballo, pero a deontoloxía profesional debería estar sempre por encima de calquera outra consideración, máis cando o xornalismo de calidade só pode dignificarse co traballo do día a día.

Boa parte da explicación está no escándalo publicado por “Ex-Voz“, blog de opinión -actualmente en reserva- dos ex-traballadores desde grupo galego de comunicación o pasado día 10 de xaneiro, cando denunciaban que a responsable de comunicación e relacións externas da multinacional canadense Edgewater en Galicia era Navia Franco Barreiro, “ex-xefa de gabinete de altos cargos do PP e esposa do director xeral de La Voz de Galicia S.A., Lois Blanco Penas“, valorando ademáis que “poidera ser que La Voz teña asinado ou pactado outro deses compromisos polos que a cambio duns milleiros de euros en publicidade ‘el grupito’ que dirixe o xornal prohibe informar e, por riba, ordea difundir argumentacións interesadas“.

Sen embargo, a razón de fondo parece ser outra ben distinta, sobre todo tras facerse público xa entrado o pasado verán, a rescisión do contrato profesional que relacionaba a Navia Franco con Mineira de Corcoesto e Edgewater. En definitiva, trátase das multimillonarias subvencións públicas recibidas ao longo das últimas décadas por este conglomerado empresarial e que parecen ter transformado a este xornal centenario e os seus medios satélites no gabinete de prensa ideal para o poder de turno, goberne quen goberne, o que da a entender que o comportamento da delegación de Carballo e os seus integrantes non é máis que o seguimento dunha liña informativa imposta dende o interés político que financia de maneira recorrente ao maior emporio de comunicación de Galicia.

Táboa do Consello de Contas coas subvencións recibidas polos medios de comunicación galegos en 2010
Táboa do Consello de Contas coas subvencións recibidas polos medios de comunicación galegos en 2010

Esta opción parece confirmarse ao facer valoración das cifras, pois si no ano 2010, os informes do Consello de Contas desvelaban que os cartos públicos recibidos polo grupo ascendían a case tres millóns e medio de euros, o xornal “Depor Sport” desataba un sonoro escándalo dentro e fora de Galicia ao facer un desglose completo e publicar que La Voz viña de recibir alomenos 100 millóns de euros do erario considerando “as axudas e as subvencións do Estado, a Xunta, as Deputacións e os concellos; máis a publicidade institucional, os convenios con organismos públicos, os contratos para imprimir o DOG e o boletín do Parlamento e os acordos coa TVG para producir programas de televisión“, durante os últimos 20 anos.

Portada do Depor Sport do 28 de decembro de 2010, denunciando as multimillonarias subvencións recibidas polo Grupo Voz
Portada do Depor Sport do 28 de decembro de 2010, sobre as multimillonarias subvencións recibidas polo conglomerado empresarial de La Voz de Galicia

Ante esta perspectiva, non sorprende a actitude continuista do medio e a súa delegación en Carballo tras facerse pública a anulación do proxecto por parte do Goberno do Partido Popular, ao tratarse da mesma forza política que sostén nesta época de crise a un xornal que está a sufrir, igual que no resto do Estado, a caída de vendas derivada do abandono progresivo da prensa papel en favor dos soportes dixitais.

La Voz é e seguirá sendo, sexan cales sexan as circunstancias un perfecto sistema de reproducción pública das ordes gubernamentais mentres perviva tan engrasado sistema de financiamento. Falando no plano mineiro, isto significa que o de menos pasa a ser o nome da empresa e o proxecto do que se trate, pois mentres ao poder lle interese, sempre haberá novos Corcoestos.