A Confederación Hidrográfica Miño-Sil abre un novo expediente a Strategic Minerals polas verteduras tóxicas da mina de Penouta

Ecoloxistas en Acción denuncia que a explotación mineira de Viana do Bolo (Ourense) segue a contaminar con residuos os regos da zona a pesar dos numerosos procedementos sancionadores abertos.

Imaxe de satélite da mina de Penouta / Earth

Por este motivo, a organización ecoloxista demanda á Xunta de Galicia a inmediata revisión da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable feita pública en marzo e un plan de actuación urxente para remediar a degradación ambiental do espazo natural protexido de Pena Trevinca.

Logo dunha nova denuncia do colectivo contra Strategic Minerals Spain, titular da mina de estaño, tantalio e niobio de Penouta, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil ven de iniciar novas dilixencias polas diversas verteduras con elevadas concentracións de metais pesados que afectan a varias canles fluviais situados en plena Rede Natura 2000.

Segundo denuncia Ecoloxistas, este é o cuarto expediente sancionador recibido pola empresa dende o 2018, razón pola que non se entende como a Xunta puido emitir en marzo unha DIA favorable que lle permitirá á empresa iniciar unha explotación a ceo aberto a gran escala multiplicando os impactos ambientais da operación mineira.

Xa nese ano, a autoridade hidrográfica sancionou a Strategic Minerals pola vertedura directa, sen autorización administrativa, de augas de escórrega procedentes da explotación mineira ao leito do rego da Treita de Cortiñas. Meses despois, a Confederación voltaba a sancionar á empresa polas verteduras derivadas da falla crítica dunha das balsas de explotación. Finalmente, no 2021 e mentres se realizaba a avaliación de impacto ambiental do novo proxecto, foi imposta unha sanción máis polo derrame de lodos ao rego da Treita de Cortiñas e ao río Rosario.

A entidade denuncia que segundo os informes que manexa a Administración galega as masas de auga da Treita de Cortiñas, o Rego de Valdafranca e o Rego dos Corvos superan “en varias ordes de magnitude” os valores máximos permitidos para elementos tóxicos coma o arsénico, o mercurio, o cadmio e o chumbo, todas elas consideradas como substancias perigosas prioritarias e nalgúns casos recoñecidas como canceríxenas. De feito, a contaminación ten afectado ás propias captacións de auga da vila de Viana do Bolo, localidade onde xa se tivo que interrumpir o subministro.

Ecoloxistas en Acción recorda que toda a zona atópase “nun estado de contaminación grave por metais pesados”, unha situación empeorada polas continuas verteduras procedentes da actividade mineira autorizad apola Xunta, ata o momento consistente no reprocesado dos materiais das antigas balsas, o que consideran que non é máis que “unha tapadeira para garantir a obtención do dereitos” para a explotación a ceo aberto.

O grupo advirte que a explotación atópase enclavada dentro da Rede Natura, polo que consideran que de autorizar a explotación a ceo aberto o impacto sobre a ZEC Pena Trevinca (ES1130007) e ZEPA Pena Trevinca (ES0000437) será potencialmente devastadora.