O Director Xeral da CRTVG recoñece que Mineira de Corcoesto pagou os gastos da viaxe para xornalistas á mina finlandesa de Kittilä

Alfonso Sánchez Izquierdo, nun momento da súa comparecencia no Parlamento de Galicia
Alfonso Sánchez Izquierdo,  Director Xeral de CRTVG, nun momento da comparecencia

Alfonso Sánchez Izquierdo, na comparecencia de hoxe en sede parlamentaria admitiu, en resposta ao deputado de AGE Juan Manuel Fajardo que a mineira canadense Edgewater fíxose cargo dos gastos da viaxe a Finlandia para a realización dunha reportaxe sobre a minaría do ouro no país nórdico. Segundo declarou “a información foi confeccionada por un equipo da TVG que acudiu convidada por un equipo da empresa Mineira de Corcoesto sen custes para a Televisión de Galicia“.

A peza de apenas dous minutos de duración, foi unha “publirreportaxe” favorable a prol da mina de Corcoesto, cuxo obxectivo era, segundo denuncia o grupo parlamentario, “grabar e destacar os impactos positivos da minaría para a localidade finlandesa onde se levantou a mina” destacando que trátase dun caso claro de corrupción no que os medios de comunicación públicos póñense ao servizo duns intereses privados e espúreos. “Parece razoable que unha entidade pública que ten que velar pola transparencia, a equidade e a pluralidade non debe aceptar invitacións de empresas privadas con interesis concretos“, sinalou Juan Manuel Fajardo.

O CASO XA FORA DENUNCIADO POLO COMITÉ DE EMPRESA DA TVG

No mes de octubre, o Comité de Empresa xa denunciara no seu blogue en defensa da creación dun Consello de Informativos, o cuestionable tratamento informativo no viaxe á Laponia finlandesa, sinalando que na reportaxe “só se dan datos positivos da producción, a importancia na economía da zona, que fixo que a poboación na Laponia aumentara e que o paro diminuira ou que o turismo natural poden convivir perfectamente coa mina” , porque “o xacemento non xera impacto na contorna”, afirmando a continuación que é, claramente, “unha reportaxe a prol dos intereses da empresa canadense Edgewater

De feito na peza emitida pola TVG -denunciaban entón- “non hai nin unha referencia a ningún estudo de impacto ambiental, nin unha entrevista a grupos ecoloxístas fineses, nin unha voz que cuestione o traballo da empresa“, nin tampoco deuse a palabra aos afectados galegos polo proxecto da explotación de Mineira de Corcoesto.

A PLATAFORMA SALVEMOS CABANA FOI A PRIMEIRA EN CRITICAR A CAMPAÑA DE MANIPULACIÓN MEDIÁTICA DE EDGEWATER

A asociación bergantiñán advertiu antes, durante e despois da polémica viaxe que a “idílica” situación presentada en Galicia por Mineira de Corcoesto e Edgewater sobre a “responsabilidade” e “sostibilidade” da minaría do ouro na rexión lapona non se correspondía coa realidade xa que a mina Kittilä, proxecto da canadense Agnico Eagle, xa fora denunciada no 2012 polas europarlamentarias finesas Satu Hassi (Verdes/ALE) e Sirpa Pietikäinen (PPE) que nunha pregunta con solicitude de resposta escrita dirixida á Comisión Europea, certificaron que malia que a compañía asegurara aos residentes locais e responsables políticos que a minaría levada a cabo en Kittilä “é un proceso pechado e non hai xeito de que o cianuro poida escapar ao medio“, existían informes que apuntan a que si ocorreron derrames de cianuro “que superaron os límites establecidos na licenza ambiental“.

 

Advertisements