Salvemos Cabana presenta alegacións ante o novo permiso de exploración concedido a Mineira de Corcoesto

Aviso de abandono das labores mineiras en Corcoesto (Foto: Salvemos Cabana)
Aviso de abandono das labores mineiras en Corcoesto (Imaxe: Salvemos Cabana)

O ‘Julia 2’, que engade 630 hectáreas adicionais de investigación ao grupo mineiro, está situado ao suroeste das primeiras concesións nunha superficie comprendida entre os concellos de Cabana, Coristanco e Ponteceso e consistirá na determinación do potencial aurífero mediante a realización de procesos xeoquímicos, trincheiras e sondaxes.

Dende a Plataforma Salvemos Cabana vense de anunciar a presentación de alegacións aos novos permisos concedidos a Edgewater e a súa filial Mineira de Corcoesto S.L. para tarefas de exploración e investigación mineira, que podería durar ata tres anos, podería ser perxudicial para área afectada.

Dunha banda -sinalan-, “está o montante económico dos traballos, que segundo proxecto supera os 400.000 euros“, que temen sexan custeados a través de subvencións públicas, e doutra, o importante efecto “que as operacións poden ter especialmente sobre as parroquias coristanquesas de Cereo e Valenza, pois se realizarán nunha zona diseminada con gran número de casas e cultívos agrícolas nas proximidades e existe a posibilidade de afectación tanto ás conducións de auga, coma aos acuíferos subterráneos pola inxección de auga utilizada para realizar as sondaxes, que poden chegar a realizarse ata os 500 metros de profundidade“.

Ademais, inciden “na parte norte do permiso de investigación encóntrase o Lugar de Interese Comunitario Río Anllóns (LIC ES1110015), que podería verse directamente afectado, e en proximidade o LIC ES1110005 Costa da Morte e a Zona de Especial Protección para as Aves Costa da Morte (ZEPA ES0000176), áreas que se ben non están directamente implicadas polo permiso en cuestión, encóntranse nas inmediacións“.

Vertedura de anteriores tarefas de exploración mineira (Foto: Salvemos Cabana)
Vertido de anteriores tarefas de exploración mineira (Foto: Salvemos Cabana)

Dende o colectivo recordan que “aínda que a Lei 22/2011 do 28 de xullo establece a obrigatoriedade da retirada de residuos procedentes do engraxe e lubricación da maquinaria e das propias sondaxes, diversas labores mineiras realizados anos atrás na parroquia de Corcoesto e que hoxe están abandoadas, encóntranse en deplorable estado e non tiveron ningún tipo de restauración“.

Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente o 5 de Xullo, a plataforma mostra a súa preocupación polos plans que a compañía Edgewater explicita no proxecto de solicitude, nos que manifesta a súa intención de acaparar todos os recursos mineiros do que denominan como “cinto de ouro Malpica-Tuy” na coñecida como “fosa blastomilonítica“, para efectuar o proceso de cianuración do material na planta de Corcoesto potenciando ao máximo a rendibilidade económica pero sen considerar outros factores, como os volumes de cianuro que será necesario utilizar para separar o ouro da rocha ou o o inmenso volume de refugallo tóxico que podería xerarse.

Comunicado da plataforma Salvemos Cabana

Advertisements